domingo, 29 de abril de 2012

Os xardíns da Atenas clásica

Os xardíns son os espazos cadrados extramuros.
De esquerda a dereita: Academia, Cinosarge e Liceo.

A maioría das rúas de Atenas eran estreitas e fedorentas. A cidade crecera sen plano e desordenada. As casas eran sinxelas, de madeira e adobe, algunhas de dous pisos, organizadas ao redor dun patio que lles daba luz, porque as xanelas á rúa eran escasas. A cidade estaba pechada por unha muralla que, con Temístocles (480 a.C.), acadou un perímetro duns 6 km. Neste recinto abríanse unha ducia de portas e conectaba no sudoeste cos Muros Longos que unían a cidade ao porto do Pireu. A cidade dividíase en bairros que correspondían cada un a un δμος: ao norte o bairro rico de Escambonidai, ao oeste os populares do Cerámico, Colito e Melite, ao sur da Acrópole o bairro de Limne, á beira do río Iliso, cuxo afluente, o Erídano, atravesaba a cidade con augas tan contaminadas, que ata os animais evitaban bebelas. O contraste viña logo, ao lado desas pobres construcións erguíase os magníficos templos da Acrópole, encostado a ela estaba o teatro de Dioniso. A ágora e os seus pórticos, templos e edificios oficiais, era un lugar aberto e de encontro no medio do caos urbano. Fóra das murallas, entre outros espazos de lecer como os Xardíns de Afrodita ou Agras, que tiña un templo de Artemisa, destacaban tres xardíns, lugares de esparcimento, deporte (γυμνσια) e reflexión filosófica: a Academia, o Liceo e Cinosarge.
A Academia estaba ao noroeste, á beira do río Cefiso, perto da colina de Colono. Tratábase dun ximnasio arbolado e contaba con moitos altares: á entrada había un altar de Eros, despois outro de Prometeo desde o que se celebraban carreiras de fachos ata a cidade, outros adicados ás Musas, a Hermes, a Atenea e a Heracles. Non lonxe estaba tamén a tumba de Platón, fundador da escola de filosofía que lle deu fama ao lugar.
O Liceo estaba ao leste, mesmo ao pé da muralla e accedíase a el pola porta de Diocares, un xardín frecuentado por Sócrates e os sofistas, descuberto en 1997 detrás da praza Sintagma, e onde Aristóteles ensinaba no paseo (περπατος) inmediato ao ximnasio de Apolo Liceo, de onde toma o seu nome o lugar.
Cinosarge, máis pequeno e tamén ao leste, tomaba o seu nome “Cadela Branca” dunha lenda segundo a que, estando Diomo a facer un sacrifico a Heracles, unha cadela branca rouboulle a vítima. Consultou logo o oráculo e este ordenoulle procurar o lugar onde a cadela deixara a vítima e fundar alí un santuario a Heracles. No xardín había tamén altares a Hebe, a filla de Zeus que, segundo a tradición, casou con Heracles, a Alcmena, nai do héroe, e a Iolao, sobriño de Heracles e colaborador na maioría dos doce traballos. Nel fundou Antístenes, unha vez que decidiu prescindir de todo o superfluo, a escola filosófica cínica.
Para saberes máis da vida cotiá da Atenas clásica é só clicar en:

Sem comentários:

Enviar um comentário