domingo, 22 de abril de 2012

Menú ateniense

Venda de atún
 Ao medio día os gregos facían una comida rápida (ἄριστον), podían merendar pola tarde (ἑσπέρισμα), mais a comida principal era a cea (δεῖπνον), ao solpor. Os gregos baseaban a súa alimentación nos cereais, pois con cebada facían tortas (μάζα) e con trigo bolas e barras (ἄρτος, σῖτος). Acompañaban o pan con alimentos sólidos (ὄψον): legumes, cebolas, aceitunas, queixo, carne, peixe e froita, claro que se atendemos á evolución da palabra ὄψον, que en grego moderno dá ψάρι “peixe”, podemos imaxinar que o peixe grellado ou salgado era o compango máis frecuente, sobre todo na cidade, cuxo mercado de peixe era dos máis abastados e onde se podían encontar sardiñas, bocartes, atún, mariscos e moluscos, sepia, luras, polbo, etc.
Gamba, ameixoas, cazón, solla e brema
Feixóns e lentellas comíanse en puré. Allos, queixo e cebolas eran alimentos propios de soldados e pouco apreciados polos espíritos refinados, que os achaban groseiros e monótonos. As aceitunas eran moi abundantes na Ática. A carne era cara, excepto a de porco, por iso a maioría dos atenienses só comía carne os días de festa, cando se celebraba un sacrificio, porque unha vez queimados os osos e a graxa aos deuses, grellábase o resto e repartíase entre os asistentes: os gregos xa facían churrasco! Como é lóxico no campo a variedade era maior pois a cría de animais fornecíaos de aves, años, cabritos e porcos, así como coellos, lebres, etc. procedentes da caza menor.
Antes como agora, os doces tiñan como base o mel, moi abundante no monte Himeto, por falarmos no caso de Atenas. Consumíase tamén moita froita fresca ou seca, especialmente figos, noces e uvas.
O fragmento seguinte, tirado d' As Rás do comediógrafo Aristófanes, preséntanos un menú grego, un bocado esaxerado por ser para Heracles, que tiña fama de lambón:
Voltaches, meu querido Heracles! Entra, porque a deusa, mal soupo da túa chegada, púxose a cocer pan, arrimou dúas ou tres potas de puré de legumes, mandou asar un boi enteiro, ten no forno pasteis ..., mais non permitirei que te vaias agora que che ten preparado un guiso de carne, roscas e viño con mel.

Sem comentários:

Enviar um comentário