segunda-feira, 16 de abril de 2012

Deporte e vida



Olimpia foi a gran fragua onde as tribos gregas forxaron os seus corpos de bronce e non só para facer os corpos fermosos. Os gregos non fixeron nunca nada por amor a arte. A beleza tivo sempre como obxectivo servir á vida. Os antigos querían ter corpos fermosos e fortes para poderen mostar unha mente sá e equilibrada, e ademais, para poderen defender á cidade.
O exercicio físico era para os gregos unha preparación indispensable para a vida social do cidadán. O cidadán perfecto era aquel que pasaba o tempo nos ximnasios e palestras para traballar o seu corpo, para facelo forte e harmónico, é dicir, fermoso e pronto a defender a súa nación. Se miras unha estatua da época clásica entendes de seguida se o home que represente é libre ou escravo, o seu corpo cho di. Un corpo fermoso e atlético, unha postura serena, contención dos sentimentos son as características dun home libre. O escravo represéntase sempre gordo ou pequeno, con posturas estrañas.
Dioniso, o deus da embriaguez, elévase sereno, mentras ao seu arredor saltan borrachos os seus súbditos, os seus escravos, os Silenos e os Sátiros.
Harmonía de mente e corpo, velaquí o máis alto ideal do grego. O cultivo esaxerado dunha parte en detrimento doutra era considerado bárbaro. Cando a civilización grega decaía, comezou tamén o corpo do atleta a ser esaxerado e o espírito a morrer.

                                                    N. KAZANTZÁKIS (1883-1957), Viaxando

Sem comentários:

Enviar um comentário