Casandra agarrada ao Paladio, dentro do camarín da deusa. |
Conta Apolodoro no Epítome (V, 22) que “Ajax da Lócrida, vendo a Casandra agarrada á imaxe de madeira de Atenea, violouna, por iso din algúns que a imaxe olla para o ceo”. Plantéxasenos logo un problema: polo que sabemos as estatuas dos deuses eran de bronce e de pedra, e mesmo de ouro e marfil no caso da Atenea Partenos e do Zeus de Olimpia, obras de Fidias. Que é isto dunha imaxe de madeira –en grego ξόανον- á que a sacerdotisa troiana se agarra para que a protexa ante o inevitábel?
As estatuas máis antigas e máis veneradas eran imaxes portátiles de madeira, con adornos móbiles: vestido, manto, casco, coroa, armas, etc. Posibelmente moitas fosen pedazos de madeira troncocónicos con cabeza e mans talladas, sobre os que se colocaban os paramentos. A madeira coa que estaban feitas tiña moitas veces unha orixe divina. En Samos, por exemplo, dicíase que o ξόανον de Hera estaba feito cunha táboa caída do ceo.
Estas eran as imaxes que se sacaban nas procesións e as que os beatos dirixían as súas oracións. En Atenas, o ξόανον de Palas Atenea, non se custodiaba no Partenón, senón no Erecteion, lugar dos cultos máis primitivos da cidade: Atenea, Poseidón e Erecteo, mítico rei de Atenas. Alén diso tamén había alí un pozo de agua salgada, unha oliveira, froitos da disputa de Atenea e Poseidón pola Ática, e unha serpe sagrada.
Erecteion (Acrópole de Atenas) |
Sem comentários:
Enviar um comentário