Nesta altura do curso penso que a maioría de vós xa sabe que o grego é unha lingua diferente das outras. A súa estrutura non é frecuente, as ideas colócanse por orde de importancia, extráense conclusións e causas das afirmacións enunciadas, e todo iso cun simple xogo de partículas ou conectores lóxicos: μέν ... δέ, οὖν, γάρ, e algún máis que irá aparecendo.
A "matemática" do grego tamén é visible no que agora vou explicar.
Estou seguro que xa sabedes o que significa o verbo λέγω e o substantivo ὁ λόγος, se vos fixades ben, as dúas palabras comparten raíz e só varía a vogal: λεγ-/λογ-. Estas alternancia vocálica ou apofonía, herdanza do indoeuropeo, permite ao grego crear vocablos case infinitamente. Hai varios tipos de alternancia e non todas as raíces admiten todas as posibilidades ou graos vocálicos (ε/ο/α/--). Vexamos exemplos:
βελ/βολ/βαλ/βλη lanzar
βέλος, βολή, ἔβαλον, βέβληκα
xavelina, disparo, eu lancei, eu teño lanzado
κλεπ/κλοπ/κλαπ roubar
κλέπτω, κλοπή, κλαπῆναι
eu roubo, o roubo, ser roubado
γεν/γον/γν nacer
γένεσις,γονεύς,γίγνομαι
nacemento, pai, eu nazo (chego a ser)
θανα/θαν/θν morrer
θάνατος, ἔθανον, θνητός
morte, eu morrín, mortal
φευγ/φυγ fuxir
φεύγω, φυγή
eu fuxo, fuxida
Este fenómeno fonético é moi frecuente no sistema verbal, pois simplemente variando a cantidade das vogais (longa/breve) cambiamos de singular a plural ou de indicativo a subxuntivo (cf. φησί/φασί).
Sem comentários:
Enviar um comentário