Mostrar mensagens com a etiqueta epigrafía. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta epigrafía. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 1 de junho de 2012

O Apolo de Mantiklos

Acostumados como estamos ás estatuas dos deuses dos período clásico, helenístico e romano, seguro que nos sorprende unha das primeiras representacións de Apolo. Procede de Beocia e trátase dun exvoto ofrecido por Mantiklos ao deus para que lle conceda algunha petición non especificada.
A figura é de bronce e leva unha inscrición nas pernas en estilo bustrofedon, ou sexa, unha liña vai de esquerda á dereita e a seguinte de dereita á esquerda, igual que fai o boi (βοῦς) cando tira do arado e vira (στρέφω) ao chegar ao final.
De aspecto antropomórfico, mide uns 20 cm. e é de principios do século VII a.C., ou sexa do período arcaico, e naquela altura os gregos non eran aínda capaces de representar un corpo humano con estilo naturalista. A man esquerda está perforada, seguramente levase un arco.

A inscrición, en beocio arcaico, conserva aínda a digamma ϝ /w/, presenta τύ , ático σύ ou dativos de singular en -oι, ático -ῳ, etc.

Μάντικλος μ' ἀνέθηκε ϝεκαβόλοι ἀργυροτοξσοι τας δ' δεκάτας· τὺ δέ, Φοῖβε, δίδοι χαρίϝετταν ἀμοιβάν.

Mántiklos ofreceume como décimo a (Apolo) tirador do arco de prata. Tu, Febo, dame en troco algún favor.

quarta-feira, 25 de abril de 2012

Os gregos na Galiza



Barcos de mercadorías e de guerra
As narracións fantásticas sobre viaxes e fundacións de cidades polos gregos no Noroeste de Iberia son antigas, porque desde a Época Helenística difundíronse polo Mediterráneo historias dese tipo para darlle un pasado máis glorioso ás cidades bárbaras. En todas esas historias os fundadores son heroes da guerra de Troia, de regreso ás súas patrias.
Con argumentos moi débiles como a coincidencia de topónimos galegos e gregos: Antioquía, Samos, Monte Pindo, Troián, Montes Gregos, Cee (Ceos?), Tabeirós (Tebas?) ou coincidencia de costumes: uso do loureiro, loito e pranto ritual (carpideiras), pan de boroa (βρῶμα significa alimento), etc., eruditos e autores de historia afirmaron, desde o século XVI, que os galegos eramos descendentes dos gregos, espallando así a idea de que tiñamos un pasado moi ilustre pois os propios heroes de Troia viñeran aquí a fundar cidades: Anfíloco (Ourense), Diomedes (Tui), Teucro (Pontevedra), Filoctetes (Ogrobe), etc.

Esta idea foi retomada polos historiadores do século XIX como Benito Vicetto, quen chega a afirmar que os gregos chegaron ao litoral galego para ver como se ocultaba o sol -o deus Helios-  no mar, claro que as probas son escasas pois di: “así es, para nosotros, la historia que escribimos: la vemos, la sentimos, pero no podemos explicarla”. A esta postura opúxose, entre outros, o historiador e arqueólogo portugués Francisco Martins Sarmento ao afirmar que esas historias “encostam-se a lendas vagas, analogia de costumes não menos vagas e a assonância de nomes, a maior parte deles muito provavelmente estropeados”, e engade máis adiante: “queremos dizer, em suma, que os pretendidos gregos do Noroeste da Ibéria são celtas, e que a hipótese de uma colonia grega (...) é pura e simplesmente indução tirada de alguns nomes geográficos e de dois ou três costumes que se encontravam na Grécia.” Estas conclusións foron tamén aceptadas por Murgía, marido de Rosalía, quen explica que as coincidencias onomásticas e rituais, e doutros costumes que se dan entre a Grecia e a Galiza poden ser explicadas pola orixe común indo-europea. Non hai, polo tanto, ningunha evidencia de colonización e asentamentos gregos no Noroeste.

Os gregos, pobo de vocación mariñeira, percorreron o Mediterráneo e seguramente tamén o litoral atlántico, polo tanto é moi posible que houbese contacto comercial coas poboacións prerromanas do Noroeste (no Museo de Pontevedra consérvase un fragmento de cerámica grega do séc. III a.C.). Máis seguro é que, coa romanización, chegaron xentes de orixe helena, pois nas inscricións conservadas aparecen nomes gregos (Thais en Lugo),  e mesmo inscricións en grego como as do museo de Viladonga (Lugo), Braga ou Astorga (León). Aquí deixo o epígrafe de Astorga. Trátase dunha inscrición funeraria. Ollo! En epigrafía úsase C por Σ:


ΔΑΙΜΟΣΙΝ
ΚΑCCΙΟΥ
ΔΙΩΝΟC
ΤΟΥ ΓΛΥΚΥ
ΤΑΤΟΥ. ΥΟΥ
ΚΑCCΙΟC
ΑΡΚΕΙΛΑOC

Δαίμοσιν Κασσίου Δίωνος τοῦ γλυκυτάτου υἱοῦ Κάσσιος ᾿Αρκεσίλαος

Aos deuses Manes de Casio Dión, fillo moi doce, Casio Arquesilao 
(adicou este epígrafe e esta tumba)

BIBLIOGRAFÍA
De Cal Cortina, M., Bértolo Ballesteros, J. M. (2007) Grego Bacharelato. Baía Edicións.
Bermejo Barrera, J.C. (1982) Galicia y los griegos. Edicións Sálvora.

quarta-feira, 18 de abril de 2012

Amor desde o alén: Anfarete e o seu neto


Sempre me impresionou esta estela funeraria do Museo do Cerámico pola súa carga emocional. Ademáis de textos dos grandes autores como Platón, Esquilo ou Tucídides, en grego tamén se escribiron cousas como esta, que nos achega ao sentir cotiá dos atenienses de hai 2.500 anos. A datación da estela sitúaa entre o 430 e o 420 aC., ou sexa, no principio da Guerra do Peloponeso. Non sabemos por que morreron a avoa e mais o neto, no entanto podemos imaxinar que foron vítimas da peste do ano 429, a mesma que tamén deu cabo de Pericles.

Na cornixa da estela pódese ler o seguinte epitafio:

                   Τέκνον ἐμῆς θυγατρὸς τόδ’ ἔχω φίλον, ὅμπερ ὅτ’ αὐγὰς
                      ὄμμασιν ἠελίο ζῶντες ἐδερκόμεθα
          ἔχον ἐμοῖς γόνασιν καὶ νῦν φθίμενον φθιμένη’ χω

Aquí teño o fillo da miña filla, meu queridiño,
ao que tiña nos meus xeonllos,
mentres estabamos vivos e viamos a luz do sol,
agora, morto, continúo a telo eu, que tamén estou morta.

Conmovedor!