Mostrar mensagens com a etiqueta verbo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta verbo. Mostrar todas as mensagens

domingo, 28 de julho de 2013

Ligazón ao blogue ELLENIZO

Xa non está activo, no entanto contén unha morea de recursos e explicacións gramaticais e culturais do grego clásico. Unha ferramenta moi boa. Podes ver o seu enorme contido nas "Etiquetas" que están á esquerda da páxina: http://griegoclasico.blogspot.com.es/.


- Corre, Milú, que empeza a aula de grego!
- E logo poden entrar tamén os cachorros?

quarta-feira, 2 de maio de 2012

(8) Participio de presente medio

Ademais do modo indicativo e imperativo e do infinitivo, xa estudados, os verbos teñen formas adxectivas ou participios. Acostuman usarse para modificar un substantivo:

ἡ Μυρρίνη ὁρᾷ τὸν ἄνδρα εἰς τὴν αὐλὴν εἰσερχόμενον.
Mirrine veo ao seu home entrando/que entra no patio.

Como é lóxico, o participio concerta no mesmo caso (acusativo), xénero (masculino) e número (singular) que a palabra á que modifica.

παύονται ἐργαζόμεναι.
Deixan de traballar.

Neste exemplo o participio completa o significado do verbo e concerta co suxeito implícito, un nominativo plural feminino: elas.

Os participio de presente medios fórmanse engadindo os sufixos -μενος, -μένη, -μενον e declínanse como καλός ή όν.

PRÁCTICA: Identifica e analiza o participio, mira con quen concerta. Traduce:

1. Οἱ δοῦλοι ἐργαζόμενοι ἐν τοῖς ἀγροῖς μάλα κάμνουσιν.
 2. Ὁ Φίλιππος βουλόμενος εἰσέρχεσθαι εἰς τὸ ἄστυ πείθει τὸν Δικαιόπολιν οὐ βουλόμενον.
3. Οἱ ἄνδρες ἐν τῇ ἀγορᾷ διαλεγόμενοι βλέπουσι πρὸς τὰς κόρας πορευομένας.
4. Ὁ Διόνυσος ἵλεώς ἐστι τοῖς τοὺς ἀγῶνας θεωμένοις.
(ἵλεως: favorable con + dat.)


sábado, 28 de abril de 2012

(7) Aoristos (Grego 2)

En tres páxinas, o resumo máis compacto e breve que son capaz de facer sobre este tema verbal. Sigmático, pasivo, temático e atemático: estes son os catro tipos posibles.
Aoristos
View more documents from depgrego.

terça-feira, 17 de abril de 2012

(4) Aspecto verbal


O verbo, ademais de tempo (só no indicativo), serve para expresar unha categoría fácil de explicar e complicada de ver e de traducir nos textos: o aspecto. Aos propios gregos cústalles definilo porque para eles é algo intuitivo e pouco racional.
Para comezar, os gregos a este "accidente" do verbo non lle chaman aspecto senón διάθεσις ou "disposición", ou sexa, punto de vista do suxeito á hora de falar. E cando falamos podemos ter tres puntos de vista:

a) Ver a acción como algo duradeiro no tempo (---).
b) Ver a acción como algo puntual no tempo (x).
c) Ver a acción como un estado/resultado ( ) x.

Para cada unha delas o verbo grego posúe un radical ou tema: presente/aoristo/perfecto.

παύετε "ide parando" (imperativo de presente)
παύσατε "parade xa" (imperativo de aoristo)
πεπαυκότες ἔστε "estade quietos" (imperativo de perfecto)
Observa que o grego só necesita variar o radical do verbo! Cuestións de aspecto...