τῷ δὲ πέμπτῳ καὶ δεκάτῳ ἔτει, ἐπὶ Ξρυσίδος ἐν Ἄργει τότε πεντήκοντα δυοῖν δέοντα ἔτη ἱερωμένης καὶ Αἰνησίου ἐφόρου ἐν Σπάρτῃ καὶ Πυθοδώρου ἔτι δύο μῆνας ἄρχοντος Ἀθηναίοις (Tucídides II, 2)
cando facía corenta e oito anos que Críside era sacerdotisa en Argos, e Enesias era éforo en Esparta e a Pitodoro aínda lle quedaban dous meses de arcontado en Atenas...
Para indicar con precisión a data do comezo da Guerra do Peloponeso (431 a.C.), o historiador Tucídides utiliza os sistemas cronolóxicos das tres cidades máis importantes: Argos, Esparta e Atenas. Que nos indica este dato? Que cada polis seguía un sistema propio para datar os anos, baseado no nome dos maxistrados que detentaban o poder. No caso de Argos, era a sacerdotisa da deusa Hera, en Esparta e en Atenas, éforo e arconte epónimos (=que dan o nome ao ano), elixidos anualmente.
Existía porén a posibilidade de datar os anos tendo en conta os ciclos olímpicos de catro anos. O ano 776 a.C., ano da primeira Olimpiada, era considerado o ano 1 entre os gregos e os anos computábanse desde aí. Para convertir en anos da nosa era unha data en "olimpiadas" segue a fórmula:
a = número de olimpiadas.
b = anos pasados desde a última olimpiada
776 - (a x 4 + b)
batalla de Salamina:1º ano da 75º olimpiada, polo tanto, 74 olimpiadas
776 - (74 x 4 + 0) = 776 - 296 = 480 a.C.
a = número de olimpiadas.
b = anos pasados desde a última olimpiada
En Atenas, o ano constaba de doce meses lunares de 29 e 30 días alternativamente, o que daba un ano de 354 días. Para corrixiren a distancia de 11 días con respecto do ciclo solar intercalaban un mes cada dous anos. Isto fai absolutamente imposible establecer una correspondencia exacta entre o calendario ático e o noso. Conforme as estacións do ano, estes eran os meses, os seus nomes e a equivalencia aproximada cos nosos. A ano comezaba no equinoccio de outono (22/23 de setembro):
Meses de verán
Ἑκατομβαιών “das hecatombes” (xullo)
Μεταγειτνιών “das mudanzas” (agosto)
Βοηδρομιών “da carreira en axuda” (setembro)
Meses de outono
Πυανεψιών “do puré de legumes” (outubro)
Μαιμακτηριών “do mal tempo” (novembro)
Ποσειδεών “de Poseidón” (decembro)
Mes intercalar: Ποσειδεών Δεύτερος: de Poseidón 2º (decembro-xaneiro)
Meses de inverno
Γαμηλιών “das vodas” (xaneiro)
Ἀνθεστηριών “das flores” (febreiro)
Ἐλαφηβολιών “da caza de cervos” (marzo)
Meses de primavera
Μουνιχιών “(de Ártemis) de Muniquía” (abril)
Θαργηλιών “das festas Targuélias” (maio)
Σκιροφοριών “do porta-parasol” (xuño)
Os nomes son curiosísimos e fan referencia á natureza (Μαιμακτηριών, Ἀνθεστηριών) a festas relixiosas (Ἑκατομβαιών, Βοηδρομιών, Ποσειδεών, Μουνιχιών, Θαργηλιών, Σκιροφοριών) a costumes (Μεταγειτνιών, Γαμηλιών, Ἐλαφηβολιών) e mesmo a alimentos típicos da época (Πυανεψιών).
Sem comentários:
Enviar um comentário