sexta-feira, 1 de junho de 2012

O Apolo de Mantiklos

Acostumados como estamos ás estatuas dos deuses dos período clásico, helenístico e romano, seguro que nos sorprende unha das primeiras representacións de Apolo. Procede de Beocia e trátase dun exvoto ofrecido por Mantiklos ao deus para que lle conceda algunha petición non especificada.
A figura é de bronce e leva unha inscrición nas pernas en estilo bustrofedon, ou sexa, unha liña vai de esquerda á dereita e a seguinte de dereita á esquerda, igual que fai o boi (βοῦς) cando tira do arado e vira (στρέφω) ao chegar ao final.
De aspecto antropomórfico, mide uns 20 cm. e é de principios do século VII a.C., ou sexa do período arcaico, e naquela altura os gregos non eran aínda capaces de representar un corpo humano con estilo naturalista. A man esquerda está perforada, seguramente levase un arco.

A inscrición, en beocio arcaico, conserva aínda a digamma ϝ /w/, presenta τύ , ático σύ ou dativos de singular en -oι, ático -ῳ, etc.

Μάντικλος μ' ἀνέθηκε ϝεκαβόλοι ἀργυροτοξσοι τας δ' δεκάτας· τὺ δέ, Φοῖβε, δίδοι χαρίϝετταν ἀμοιβάν.

Mántiklos ofreceume como décimo a (Apolo) tirador do arco de prata. Tu, Febo, dame en troco algún favor.

Sem comentários:

Enviar um comentário